O conselleiro de Cultura subliñou que In Tempore Sueborum “nos fai estar máis orgullosos do que fomos”

Román Rodríguez felicitou á Deputación de Ourense na súa visita á mostra sobre o tempo dos suevos

Manuel Baltar recordou que a exposición supera os 28.500 visitantes e invita aos cidadáns a vela ata o 6 de maio

OURENSE, 27 de marzo de 2018.- O conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, visitou hoxe en Ourense a exposición internacional In Tempore Sueborum, organizada pola Deputación de Ourense e patrocinada por esta e pola Xunta. Rodríguez González, que veu acompañado pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María do Carmo Martínez Insua, foi recibido no Centro Cultural Marcos Valcárcel polo presidente da Deputación, Manuel Baltar e polo asesor de Política Cultural da mesma e coordenador xeral da exposición, Aurelio Gómez Villar.

O conselleiro, acompañado polo presidente da Deputación e pola directora xeral de Patrimonio, escoitando ao guía. FOTOS: Alberte Paz.

O conselleiro coñeceu a mostra coa visita guiada que lle fixo o noso responsable de comunicación e das visitas guiadas, Jesús Manuel García. “Xa na inauguración levei unha grata impresión porque é unha exposición que pon en valor algo tan importante como o noso pasado, a nosa historia. Quero felicitar á Deputación de Ourense por esta iniciativa que nos fai estar máis orgullosos do que fomos, pero un orgullo sano para, sabendo o que fomos, saber o que queremos ser”. O conselleiro manifestou que temos que ser conscientes do noso pasado histórico, cultural e patrimonial “pero non para mirar para atrás constantemente. Mirar para atrás cos pés na terra, e seguir cara adiante”.

Román Rodríguez e Manuel Baltar observan broches de cinturón liriformes da Gallaecia.

Dado o éxito de público que está rexistrando a exposición di o conselleiro que está claro “que a historia interesa e sobre todo nestes temas ou mundos onde parece que todo está deshumanizado, que estamos sempre con cuestión tecnolóxicas, pois o valor da historia vese que é un dos grandes pilares que temos como sociedade e o feito de que esta exposición así o trate, é unha boa noticia para Ourense e, por suposto, para o conxunto de Galicia”.

Os visitantes seguiron con interese o percorrido polos séculos V e VI da nosa era.

Román subliñou que entre todas as pezas que viu esta mañá na mostra sorprendeuse co anel de Alarico II: “Quizás sexa a peza, desde un punto de vista estético, a que máis me sorprendeu a min, o cal non quere decir que sexa a mellor ou a peor. Pero notábase unha técnica de altísimo valor e demostra que despois do Imperio Romano tamén houbo vida no conxunto de Europa e tamén en Galicia e como as influenzas doutros países de centro Europa chegaron aquí. Galicia sempre foi terra de intercambio, somos un país, unha terra pola que pasaron moitos pobos e todos nos enriqueceron; somos herdeiros dun rico pasado e temos que ter orgullo e confianza para o futuro”.

Manuel Baltar agradeceu o apoio e visita do conselleiro nesta aposta “pola identidade, de pertenza a Ourense, a Galicia de hai 1.600 anos, no primeiro reino medieval de Occidente”, e animou á xente “a que veña ver a exposición”, unha constante, dixo, “na aposta de futuro e moi orgullosos de superar os 28.500 visitantes, o que se converte sen dúbida no acontecemento cultural máis importante da provincia. Ese era o obxectivo, achegar a nosa historia aos cidadáns”.

VOLVER