Ourense acolle a exposición máis importante de Europa sobre o Reino Suevo

OURENSE. O día 15 de decembro vaise inaugurar a exposición In Tempore Sueborum. El tiempo de los Suevos en la Gallaecia. El primer reino medieval de Occidente (411-585). Trátase, segundo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, “da oferta cultural máis relevante da provincia”, cuxa temática sobrepasa o local. Manifestou que a mostra destacará “un feito político de 1.600 anos de historia”, indicando que se refire ao primeiro estado de Europa co “protagonismo de Ourense nesa etapa como capital do reino suevo con Teodomiro”. Agradeceu á Xunta a súa colaboración, pois nese acto foi asinado o convenio de colaboración polo que a Xunta aporta 70.000 euros. Por parte desta asinou o secretario xeral de Cultura, Anxo Manuel Lorenzo Suárez.

A exposición supera en pezas a outra gran cita que houbo en Galicia varios anos atrás: Galicia no tempo, na que se exhibiron 250 pezas, mentras que en In Tempore Sueborum o público poderá ver “máis de 262 obxectos”. Segundo o presidente da Deputación, este é un evento único, difícilmente repetible. Recordou o mosteiro de San Pedro de Rocas como o máis antigo de Galicia, do ano 573, influenzado por San Martín de Tours e polo bispo San Martín de Dumio. “Esta é una aposta de identidade que facemos desde o governo provincial”, dixo Manuel Baltar.

Anxo Lorenzo declarou que a colaboración da Xunta débese a ser unha exposición de carácter internacional, non local: “Este é un proxecto de Galicia, de país”, referente a un “reino breve pero de importancia fundamental en Galicia e, en xeral, no Noroeste peninsular”. Advertiu o secretario xeral de Cultura que ata o de agora, sobre o mundo suevo había lendas e mitificacións por unha época descoñecida e que agora ten, dixo, “necesidade de abordaxe seria e divulgadora”. A este acto acudiron, por parte do Bispado de Ourense, o deán da catedral, José Pérez Domínguez, e dende o Concello de Ourense, a concelleira de Cultura, Belén Iglesias.

O comisario Jorge López Quiroga sinalou que se exporán 262 obxectos procedentes de 39 museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélgica, Francia e Alemania. Na elaboración das fichas do catálogo participaron 60 autores de 10 países; no volume de estudos colaboraron 50 autores de 14 países, incluíndo os Estados Unidos. A contribución en número de obxectos dos diferentes museos é excepcional: o primero, con diferenza, o Museo Arqueológico Nacional de Madrid, seguido polo Museo de Arqueología D. Diogo de Sousa (Braga, Portugal), o Museo Rexional de Mikulov (República Checa), o Museo Nacional de Arqueología, Lisboa (Portugal), o Museo Arqueolóxico de Ourense, o Museo Nacional de Hungría ou o Museo Nacional de Eslovaquia (Bratislava). É a primeira vez en Europa que se exporá xunto un importante número de pezas vinculadas aos Suevos, tanto procedentes dos seus lugares de orixe (Hungría, Eslovaquia, Chequia, Austria e Alemania) como do territorio no que crearon o primeiro reino medieval de occidente (Galicia e Norte de Portugal).

Durante estes días foron chegando, e o seguirán facendo nas próximas horas, varios correos con pezas traídas baixo unha forte escolta policial, pois os obxectos a expoñer son verdadeiros tesouros estatais.

Compartir enShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn

VOLVER