Ourense abre as portas do reino suevo coa maior exposición de Europa

Manuel Baltar sinalou que a mostra sitúa a Ourense á cabeza das grandes exposicións. Fotos: Alberte Paz

OURENSE, 15 de decembro de 2017.- Ourense abriu hoxe as portas do reino suevo coa maior exposición de Europa sobre este pobo, In tempore sueborum, organizada pola Deputación de Ourense, en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello de Ourense e o Bispado de Ourense. Unha mostra que o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, cualificou, no acto inaugural, como “a exposición que sitúa a Ourense á cabeza das grandes mostras que definen a identidade dun territorio, a través da difusión e posta en valor do seu acervo cultural e patrimonial”.

A exposición, que permanecerá aberta desde hoxe e ata o 4 de marzo de 2018, exhibe por primeira vez, en tres espazos expositivos: o Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, a igrexa de Santa María Nai e o Museo Municipal, 262 pezas de grande valor histórico-artístico de 39 museos europeos, facendo un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia medieval do século V. Reúne a colección máis destacada que se ten realizado sobre o mundo suevo, na que destacan xoias e pezas ornamentais dunha princesa sueva, utensilios e figuras artísticas en ouro e prata, vidro, madeira e ámbar, e elementos relixiosos e funerarios.

Manuel Baltar dixo que estamos a falar “dunha exposición irrepetible e cargada de historia, armada de entidade política de seu: falamos dunha época, hai máis de 1.600 anos, en que se configurou aquí o primeiro Estado de Europa: o reino suevo da Gallaecia”, e remarcou que esta magna exposición “faise posible nunha terra cunha xente, como os suevos, traballadores, creativos e emigrantes, con capacidade e valentía para amosar a milleiros de quilómetros da súa patria natal talento e decisión para converter en realidade proxectos persoais e colectivos”.

O presidente da Deputación destacou que no ano 411 d. C. “creouse unha entidade política baixo a forma de reino, anos antes da constitución do primeiro reino visigodo en Aquitania. Este é un feito que adquire especial significación no contexto político que estamos vivindo en España, pois Galicia posúe argumentos históricos de peso e inequívocos da súa identidade, que funden as súas raíces hai máis de 1.600 anos”.

Baltar expresou a importancia social e cultural de Ourense ao longo da historia, “un Ourense capital, daquela, do reino suevo, e que hoxe atesoura “ méritos suficientes para optar a ser Capital Cultural Europea, celebrando en dous anos o centenario da Revista Nós, que da nome a unha xeración intelectual de primeiro nivel, da que tamén debemos presumir”.

Asemade, o presidente provincial avanzou que en 2018 e 2019 “centrarémonos na Ribeira Sacra, ese enclave que conta coa maior xoia do período suevo que estamos a relanzar en San Pedro de Rocas, concello de Esgos”, e anunciou que a vindeira edición da “Ourense ICC Week” incluirá na súa programación un seminario en Rocas sobre “O fenómeno rupestre en Europa: xestión, difusión e posta en valor dun patrimonio singular”. E, nesta mesma liña, dixo que a Deputación de Ourense organizará en 2019 un congreso internacional sobre “A Ribeira Sacra e as orixes do monacato europeo”, e que en colaboración co Bispado de Ourense, realizaranse traballos de prospección na igrexa de Santa María Nai na procura de evidencias arqueolóxicas “que, a ben seguro espertarán o interese internacional por esta cidade e esta provincia culturais por excelencia”. “Retrocedamos, pois, -convidou Manuel Baltar- dezaseis séculos no tempo con esta exposición e honremos á nosa terra e antepasados con orgullo propio, orgullo de Ourense”.

O salón do acto encheu-se de representantes da vida política, social e cultural da provincia e de Galicia.

Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia destacou que esta exposición “amósanos que Ourense forma parte da inmortalidade da historia e nos achega luz sobre o legado suevo, 150 anos da nosa historia, dunha época da que pouco se sabía e que agora comezamos a saber máis”. Núñez Feijoo dixo que os visitantes “non só verán nesta mostra pezas ou documentos, senón que poderán revivir os tempos remotos do noso Ourense e a nosa Galicia dos que nos antecederon”, e agradeceu ao presidente Manuel Baltar e á Deputación de Ourense por esta mostra, “que nos recorda que todos somos eslabóns dunha cadea que une o noso pasado co noso futuro”.

O público tivo o seu primeiro contacto coa mostra desde o medio día de hoxe.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, sinalou que estamos “diante da exposición máis ambiciosa de toda a Península Ibérica nestes momentos, unha aposta pola cultura con maiúsculas que pon a disposición de todos o legado histórico dos suevos”. O bispo de Ourense, Leonardo Lemos, expresou o seu desexo que a mostra “contribúa a realzar un exercicio de memoria verdadeira, que hoxe máis ca nunca precisamos, porque estamos asistindo a novos relatos que tentan reconstruír unha nova historia sen fundamento na realidade”. E o director territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra, destacou o apoio da entidade “a iniciativas, que como esta, exercen un papel importante como dinamizadores económicos da nosa provincia”.

Tres espazos expositivos

O comisario da mostra, Jorge López Quiroga, explicou que a mostra estrutúrase en tres espazos expositivos, cada un dos cales acolle un bloque temático. Así, o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” exhibe pezas que sobre a temática da deconstrución dos bárbaros. A igrexa de Santa María Nai céntrase no proceso de cristianización na Gallaecia da época sueva, e o Museo Municipal permite coñecer o ámbito social e organizativo dos suevos cos galaico-romanos.

Jorge López explicou a Alberto Núñez e a Manuel Baltar os contidos da exposición.

In tempore sueborum fai un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia entre os anos 411 e 585, sendo o primeiro reino medieval de occidente, situado en Ourense. A mostra reúne 262 obxectos procedentes de museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia, Alemaña, e expóñense pezas dun alto valor histórico e artístico, entre as que destacan xoias e elementos ornamentais dunha princesa sueva, e diversos utensilios e figuras artísticas en ouro, prata, bronce, vidro, madeira e ámbar, así como material funerario.

A mostra está recollida nun catálogo no que participaron 60 investigadores, escrito en galego, castelán e inglés, que marca un fito na historiografía sobre o mundo suevo. Ademais está dispoñible na páxina web da mostra: www.intemporesueborum.es, na que se inclúe toda a información sobre a exposición e o catálogo en versión dixital.

Compartir enShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn

VOLVER