Unha delegación chinesa visitou In Tempore Sueborum

Vinte empresarios asiáticos aprezaron e gozaron coa historia da Gallaecia Sueva

OURENSE, 20 de decembro de 2017.- A exposición In Tempore Sueborum foi obxecto de interese para unha delegación de empresarios chineses que viñeron á cidade de As Burgas na súa primeira misión comercial a Ourense. Os representantes de vinte empresas do país asiático acudiron a visitar a exposición que organiza a Deputación Provincial de Ourense, a máis importante de Europa no seu eido. No vestíbulo do Centro Cultural Marcos Valcárcel foron recibidos polo presidente, Manuel Baltar, quen lles deu a benvida. Con Baltar atopábanse o asesor de Política Cultural da Deputación e coordinador xeral da exposición, Aurelio Gómez, e o responsable de comunicación da exposición e guía, Jesús Manuel García. Tra-las verbas de benvida todolos presentes pousaron para a foto oficial. A continuación, os empresarios chineses desprazáronse ata o punto de comezo de In Tempore Sueborum para seguir o fío argumental desta.

Os empresarios seguiron con interese a visita ao mundo dos suevos. FOTOS: Alberte Paz.

A delegación asiática dispón dun intérprete polo que os asistentes puideron gozar co contido e o contexto que envolve os depósitos funerarios diversos que se amosan nas vitrinas.
Cada asistente amosou gran interese en coñece-la nosa historia dos séculos V e VI. Fixeron numerosas fotos de detalles que les chamaban a atención e adquiriron unha idea básica do que representa In Tempore Sueborum. O intérprete subliñou a inquedanza do grupo en coñece-la historia dos diversos pobos.

Os deseños das pezas expostas cautivaron á delegación chinesa.

A visita internacional á exposición foi o principal capítulo cultural dos empresarios chineses. Neste achegamento, a Deputación provincial de Ourense seleccionou empresas do xigante asiático dos sectores de finanzas, inversión, materiais de construción, decoración, cultura e importación de viño. As primeiras visitas espertaron o interese dos empresarios asiáticos nalgunhas empresas da provincia, que fixarán xuntanzas privadas para negociar posibles contratos que lles permitan ampliar horizontes.

VOLVER