O Premio Ourensanía 2017, Miguel Ángel González, visitou In Tempore Sueborum

OURENSE, 27 de decembro de 2017.- O que fora porteiro de fútbol do Real Madrid e da Selección Española, o ourensán Miguel Ángel González Suárez “Miguel Ángel”, fixo na mañá deste mércores una visita á exposición In Tempore Sueborum, a máis importante no seu xénero en Europa que se desenvolve en Ourense. González Suárez non quixo perder a oportunidade de contemplar os tesouros nacionais que nos falan do tempo dos suevos en Europa Central e na Gallaecia. O visitante, que é o último cidadán galardonado co Premio Ourensanía, foi recibido polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen o acompañou polas vitrinas instaladas no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Con eles iban o coordinaror xeral da exposición, Aurelio Gómez Villar, e o presidente da Peña Madridista de Ourense, Emilo Gómez-Casasnovas Soto.

Manuel Baltar explicou a González Suárez a imaxe corporativa da exposición. FOTOS: Alberte Paz.

Manuel Baltar faloulle da importancia do proxecto In Tempore Sueborum, que non só consta dunha exposición nunca vista no continente, mais leva por debaixo un potente aparato investigador que se ve reflectido nesta mostra, no seu catálogo e, dun xeito moi especial, no libro de estudos que se publicará dentro dunhas semanas, no que estarán os traballos científicos de 60 especialistas internacionais no mundo que os romanos denominaban bárbaro e, dentro deste, dos suevos, un dos pobos dese Barbaricum.

Jesús Manuel García amosou ao visitante a lauda funerária de estola tan relacionada cos concilios bracarenses.

Miguel Angel González Suárez seguiu con moito interese o percorrido guiado pola sala por Jesús Manuel García, tomando boa nota do contido das vitrinas, que consta de axuares e depósitos funerarios de homes e mulleres da elite sueva ao longo de toda Europa, ata chegaren á Gallaecia. Unha visita non exenta de humor, na que González Suárez rematou tendo una nova imaxe dos bárbaros, que en nada se parece á que tiñan e nos transmitiron deles os romanos.

Coñeceu a Crónica de Idacio da Limia, exposta na mostra, as perspectivas deses movementos de poboacións no século V, migracións que no sur, incluindo ao propio Idacio, eran vistas como invasións.

Ao rematar a visita, González amosouse satisfeito e agradeceu ao presidente da Deputación ourensá eses minutos de cultura e historia compartidos ao tempo que subliñou a importancia de In Tempore Sueborum e a necesidade de que se fixera algo semellante, o que permite coñecer mellor unha época da Tardo Antigüedade da que aínda queda moito que investigar.

Esta exposición consta de 262 pezas chegadas de 39 museos europeos ubicados en dez países. Todos son tesouros nacionais de hai 1.600 anos, e algúns teñen maior antiguedade ao seres dos séculos I ao IV.

Compartir enShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn

VOLVER