Membros da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia visitaron hoxe In Tempore Sueborum

Máis de corenta profesionais participaron nun percorrido guiado que, segundo o seu presidente, “compensa sobradamente “

OURENSE, 24 de xaneiro de 2018.- A Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia visitou hoxe a exposición In Tempore Sueborum. Máis de corenta profesionais, entre directivos e asociados, desprazáronse á cidade de As Burgas para, entre outras cousas, coñecer de primeira man a maior exposición europea sobre o tempo dos suevos. Encargouse de arranxar o plan a guía ourensá Rosa Dorado. Pola mañá estiveron vendo o interior do antigo pazo episcopal, hoxe sede do Museo Arqueolóxico Provincial e, unha hora máis tarde, ás doce, déronse cita no Centro Cultural Marcos Valcárcel para iniciar o percorrido guiado en In Tempore Sueborum, da man do noso responsable de Comunicación e das visitas guiadas, Jesús Manuel García. Foi unha xornada moi positiva entre compañeiros que exercen o seu labor profesional en toda Galicia.

Os guías galegos foron acompañados na visita polo guía da mostra, Jesús Manuel García.

“Compensa sobradamente, as pezas que hai son moi interesantes i é unha ocasión única para velas e vale a pena”, sinalou o presidente da asociación galega, Diego Fernández Lamas. Os compañeiros seguiron con gran interese a visita, máis de ún tomou notas do que ía vendo e escoitando sobre as pezas. Tamén os houbo que pediron, ao final, bibliografía para estar ao día sobre os pobos bárbaros, entre eles, os suevos. “Todo o que estivemos vendo sobre o discurso tamén é interesante, a perspectiva dos grupos xermánicos como migrantes paréceme moi interesante”, afirmou Fernández Lamas. O presidente engadiu que cada ano a asociación organiza cursos e actividades “para ter unha formación continua, e cando hai unha exposición, imos vela. Nós, ao final, non somos especialistas, non somos investigadores pero temos que estar ao tanto das cousas que están acontecendo”, sinalou  satisfeito. Por suposto, na visita ía o paraugas amarelo da asociación, elemento inconfundible en toda Galicia.

A exposición deixa bo recordo nos visitantes especiais desta mañá..

Este colectivo vai recomendar a asistencia a esta gran exposición. Ao presidente chamoulle moito á atención o anel de Alarico II, rei dos godos, que lle pareceu “moi impactactante”.

Os achádegos da
arqueoloxía funeraria sorprenden aos visitantes.

In Tempore Sueborum segue a recibir reservas de diversos colectivos profesionais de toda España que non queren perder o seu contido. Como xa se sabe, neste momento estase en xestións cos 39 museos para conseguir que a mostra se poda alongar ata o 6 de maio en vez de pechala o 4 de marzo. Isto é debido ao éxito que está colleitando desde a súa inauguración.

VOLVER