Felipe Arias: “In Tempore Sueborum ten pezas extraordinarias que probablemente nunca volveremos ver por estes pagos”

O coñecido arqueólogo visitou a mostra acompañando a socios do Centro Cultural Valle-Inclán de Lugo

OURENSE, 18 de febreiro de 2018.- O arqueólogo lugués Felipe Arias manifestou que a exposición In Tempore Sueborum “en principio é moi positiva só polo feito de dar a coñecer o Reino suevo, que é unha etapa descoñecida polos propios galegos cando se trata do primeiro reino altomedieval de Occidente”. Engadiu Arias que este proxecto “é unha boa idea”. Sobre o percorrido polos tres espazos subliñou que a primeira sala “contextualiza ben a chegada dos suevos e ten unhas pezas extraordinarias, isto hai que decilo, que ten  pezas extraordinarias que probablemente nunca volveremos ver por estes pagos. Creo por tanto que contextualiza perfectamente o que é a entrada dos suevos e a conformación deste reino na Gallaecia”.

Felipe Arias veu á cidade de As Burgas acompañando a un nutrido grupo de socios do Centro Cultural Valle-Inclán de Lugo, que estiveron visitando a exposición desde as once da mañana, en que chegaron ao Centro Cultural Marcos Valcárcel. O arqueólogo subliñou igualmente o interese dos outros dous espazos, a igrexa de Santa María Nai e o Museo Municipal: “Vemos o asentamento e a vinculación co cristianismo xunto coa implantación desta relixión”. Felipe Arias fixo fincapé en que esta mostra organizada pola Deputación de Ourense  “para min ten unha valoración positiva, probablemente algúns detalles serían mellorables pero en principio o discurso histórico me parece bastante atinado en canto ao asentamento e a asimilación e aculturación que se produce entre os suevos e a sociedade galaico romana”. Por elo este arqueólogo anima á sociedade a “que a visiten porque sacarán algunha lección e, en todo caso, dará pé para debatir algúns puntos que aínda son debate historiográfico”.

Felipe Arias é licenciado en Filosofía y Letras (sección Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, 1971, sendo Premio Extraordinario de Licenciatura cunha tese sobre a Muralla romana de Lugo. Foi profesor de Historia e Arqueoloxía e investigador na universidad compostelana (1971-1974) e participou e dirixiu proxectos relacionados coa Prehistoria e a Romanización, centrando a súa investigación no Castro de Viladonga e no Lugo romano. Fundador do Museo do Pobo Galego, ocupou a xefatura da sección de Arqueoloxía e Prehistoria do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos (CSIC); tamén promoveu o Consello Galego de Museos. Funcionario do Corpo Facultativo de Conservadores de Museos desde 1974, dirixe o Museo de Castro de Viladonga. Arias Vilas foi Director Xeral de Patrimonio Cultural na Xunta e membro das comisións técnicas do Consejo Internacional de Museos ata 2009.

VOLVER