A exposición In Tempore Sueborum superou hoxe os 20.000 visitantes

A Universidade do Porto, o Instituto de Estudios Bercianos, o Instituto de Estudos Miñoráns, o grupo Tú no eres de Ourense si e numerosos vecinos de Vigo, entre os colectivos que coñeron a mostra iste sábado

OURENSE, 24 de febreiro de 2018.- A exposición internacional In Tempore Sueborum superou hoxe os 20.000 visitantes. Con esta cifra convértese no proxecto cultural máis visitado da historia de Ourense. Se o pasado xoves o presidente da Deputación, Manuel Baltar, anunciaba a súa prolongación ao 6 de marzo dados os bos resultados en todas as ordes, destacando que entón superaba os 18.000 visitantes, en tan só dous días a cifra incrementouse dun modo importante.

Alumnos e docentes da Universidade do Porto coñeceron hoxe a exposición. FOTOS: Alberte Paz.


A xornada deste sábado 24 é, polo de agora, a máis concorrida en persoas que se achegan a coñecer o contido da mostra. Aos cidadáns que acoden por libre, que foron decenas, súmanse os grupos que hoxe asistiron ás visitas guiadas. Así, nesta xornada estiveron medio centenar de profesores e estudantes da Facultade de Humanidades da Universidade do Porto (Portugal). Tamén o fixeron máis de 40 integrantes do Instituto de Estudos Bercianos, chegados desde Ponferrada (León). Pola mañá igualmente asistiron numerosos membros do grupo de Facebook, Tú no eres de Ourense si… e un grupo de membros da asociación Reino de Galiza.

A cita estaba ás 11.00 horas. Todos foron recibidos diante do Centro Cultural Marcos Valcárcel polo asesor de Política Cultural da Deputación e coordinador xeral da mostra, Aurelio Gómez Villar. Da visita guiada, para facela con orde, encargáronse o responsable das mesmas, Jesús Manuel García e o comisario, Jorge López Quiroga. Cada un levou a máis de 60 visitantes para facer o percorrido completo da exposición máis importante de Europa sobre o tempo dos suevos.

O grupo “Tú no eres de Ourense si” tamén se sumou á visita guiada.

A tarde tamén estivo concorrida pois houbo unha visita especial para o director do Museo Arqueológico de Murcia, Antonio Poveda Navarro, e o arqueólogo da Facultade de Historia da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, Fermín Pérez Losada. Guiounos o comisario López Quiroga. E na visita ordinaria das 18.30 horas, déronse cita numerosos cidadáns entre veciños de Ourense, doutras partes de Galicia ademais dun grupo importante de cidadáns de Vigo, e o autocar que veu cheo de integrantes do Instituto de Estudos Miñoráns.
O profesor Luís Amalar, medievalista da Universidade do Porto, sinalou que están satisfeitos coa organización da visita e da propia exposición “de alta cualidade atendendo que é unha exposición moi difícil porque tratar dos suevos é moi complicado e sobre todo traducir isto a unha linguaxe accesible, comprensiva e rigorosa”. Desde esta perspectiva, dixo o profesor portugués, toda a delegación universitaria foise impresionada. Sinalou que o que ocorre con estas exposicións antolóxicas é “a oportunidade que nos dá de facermos idea sobre oa estado da situación, o que nós podemos, de momento, dicir sobre os suevos. E a pesares de ser eu medievalista e polo tanto non ser esta a miña área, percibín que xa se sabe muito máis do que a xente pensa que sabe. Por iso a exposición, e aquelo que vai ficar despois dela, o catálogo e o libro de estudos, seguramente se transformará en bibliografía importantísima para esta época”.

Convén Almeida en sinalar que o reino suevo, “máis ou menos integrado, con maior acordo coas corporacións locais ou non, vai ensaiar aquí por primeira vez o modelo de organización que acabará despois por espallarse por Europa. É a primeira experiencia dun pobo vivo que se asenta e tenta organizar unha entidade política mínimamente estruturada”.

O Instituto de Estudios Bercianos dividiuse en dous grupos para repartírense cos dous guías nunha xornada tan especial.

Nesta xornada na que se bateu o récord de visitas nos dous meses que leva aberta a exposición, os responsables de todos os grupos participantes mostraron a súa satisfacción por este proxecto científico cultural, encomiando a calidade das pezas, moitas delas vistas por primeira vez en España. Tal cantidade de xente nun só día, pois sumando visitas guiadas e por libre aproxímase ás 500 persoas, supón tamén un beneficio económico para a cidade dado que os grupos que veñen de fóra almorzan, xantan ou cean en Ourense, ademais de pasar a xornada turística na cidade de As Burgas. Isto dá unha idea do que move In Tempore Sueborum cada semana, con tantos visitantes que non residen na provincia e que fan uso dos seus establecementos hostaleiros.

A delegación berciana aproveitou para disfrutar da Cidade antes do seu regreso a Ponferrada.
Compartir enShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn

VOLVER