Castilla y León aporta 37 pezas á exposición internacional In Tempore Sueborum en Ourense

Os bens arqueolóxicos foron achados nas provincias de León, Segovia, Valladolid e Zamora

OURENSE, 16 de marzo de 2018.- Castilla y León está presente na exposición internacional In Tempore Sueborum, que desde o pasado 14 de decembro e ata o próximo 6 de maio celébrase na cidade de Ourense. É unha mostra única en Europa que conta con 262 pezas procedentes de 39 museos de 10 países.

Entre eses tesouros do patrimonio cultural, 37 son de Castilla y León e proceden dos museos de Zamora, Valladolid, León e o Museo Arqueológico Nacional de Madrid. A provincia que máis obxectos ten nas vitrinas desta mostra organizada e patrocinada pola Diputación Provincial de Ourense é Segovia. Trátase de pezas achadas nas excavacións da necrópole de Castiltierra ao longo do século XX. Esta riqueza consérvase no Museo Arqueológico Nacional. Así, expóñense depósitos funerarios da tumba 163 pertencentes á segunda campaña de excavacións levada a cabo en 1933. Dese momento son unha parella de aretes de prata, un colar de 18 contas das que unha é dunha pedra semipreciosa, 11 son de ámbar e outras 6 de pasta vítrea.

Fíbula zoomorfa de Castiltierra (Segovia), bronce, ferro, séculos I-IV. Museo Arqueológico Nacional, Madrid. FOTOS: Alberte Paz.

Hai, ademais, unha fíbula discoidal en ferro e bronce; un broche de cinto de placa articulada con celdiñas de bronce e vidro. Tamén se exhibe unha parella de brazaletes de bronce. Son materiais dunha das tumbas máis ricas da necrópole segoviana, excavada por Camps e Navascués. Segundo estes materiais, a ocupante da tumba era unha muller que foi inhumada dentro dun ataúde coa mellor indumentaria que posuía. Do seu esquelete consérvanse soamente algúns ósos da parte esquerda, estando o cráneo moi deteriorado.

Estela funeraria dedicada a Germana de Villalazán (Zamora), arenisca, século II, Museo de Zamora.

De Castiltierra hai, ademais, unha fíbula de ferro e bronce achada nas excavacións da tumba 285, na terceira campaña arqueolóxica que tivo lugar entre os anos 1934 e 1935. É dos séculos I ao IV. Trátase dunha das máis antigas sepulturas da citada necrópole. A fíbula mostra un pequeno cabalo que trota cara á dereita, moi realista, decorado o seu flanco con círculos oculados e un deles serve para marcar o ollo, en cuxa cavidad houbo un anaco de vidro.

Outros obxectos de Castiltierra expostos en In Tempore Sueborum son dúas fíbulas trilaminares de bronce, do século V-principios do século VI, pezas que chegarían a Hispania coa entrada dos bárbaros, dos que procederían, como se aprecia en sepulturas achadas noutros países europeos, de tipo principesco.

Pasarrendas De Fuentes de Ropel (Zamora), bronce, século IV, Museo de Zamora

A seguinte provincia castellanoleonesa con presenza en In Tempore Sueborum é Zamora, con 15 pezas procedentes do seu museo. Entre elas está una estela funeraria romana dedicada a Germana, do século II, procedente de Villalazán; unha fíbula de arco de bronce e un pendente do mesmo material, ambos da mesma localidade e datados no século VII. Tamén está presente un mango de patena con inscripción, que foi achado en Montamarta, feito en bronce e datado entre os séculos VI e VII. E de Villafáfila móstranse as tres cruces votivas, unha de ouro, a outra de bronce e a terceira, de latón.

No Castillón, en Santa Eulalia de Tera, atopáronse no seu día varias pezas que se poden ver agora na exposición internacional sobre o tempo dos suevos en Ourense. Trátase dunha copa de TSHT de cerámica e dúas cuncas do mesmo material, as tres datadas entre o último terzo do século V e principios do VI.

Hai, igualmente, dous coitelos de ferro, séculos V-VII; unha fíbula tipo Vyskov, da segunda metade do século V, a mesma datación que ten unha rueca de dedo osculatorio, feita en bronce. Zamora presenta, ademáis, unha punta de frecha de xabalina, un botón de óso, unhas pinzas de depilar, en bronce, todo datado entre os séculos V ao VII. E un pasarrendas de carro con aplique de cabalo que foi achado en Fuentes de Ropel, pertencente ao século IV.

Desde León chegaron a Ourense para esta exposición catro pezas: unha praca de broche de cinto de Vegacervera, en bronce e do século VII, un anel de bronce con crismón de Astorga, do século IV; un fragmento de mármore dun sartego estrixilado da basílica martirial de Marialba, da mesma centuria, e unha praca de cama de freo de cabalo, de bronce, que mostra un crismón de Lancia e que se data entre a segunda metade do século IV e o século V.

A outra provincia de Castilla y León presente en In Tempore Sueborum é Valladolid, de cuxo museo procede un interesante fragmento de mosaico que adornaba o pavimento dunha estancia da segunda fase da vila romana de Prado. O seu deseño son octógonos e ao unirse cada catro, forman un cadrado no que se mostra un crismón.

In Tempore Sueborum ofrece visitas guiadas diarias, ás 18.30 horas, de luns a sábado, sendo soamente a do luns no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Os grupos organizados deben reservar hora no correo comunicacion@intemporesueborum.es

A exposición conta tamén con sitio web: intemporesueborum.es, redes sociais e banda sonora nas súas tres sedes, formada polas composicións Barbari, Speculum e In Tempore Sueborum, cuxa autora é a compositora e medievalista Mónica Rodríguez Lovelle. Os comisarios desta exposición son os profesores Jorge López Quiroga e Artemio M. Tejera.

VOLVER