O músico Víctor Prieto e o xornalista José Rodríguez visitan In tempore sueborum

A exposición sobre o mundo suevo, que organiza a Deputación de Ourense, achégase aos 40.000 visitantes

Ourense, 19 de abril de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañou na súa visita á exposición In Tempore Sueborum  ao músico Víctor Prieto e ao xornalista e escritor José Rodríguez, dous ourensáns de relevo internacional polas súas carreiras artística e intelectual, que non quixeron perder a oportunidade de contemplar a mostra máis visitada na historia da provincia que, organizada pola Deputación de Ourense, supera xa a cifra de 37.800 visitantes.

Prieto e Rodríguez destacaron a calidade e singularidade das pezas que integran a exposición, interesándose “por esta época tan descoñecida da nosa historia e da cal podemos contemplar moitos dos seus aspectos a tan só un centímetros de distancia”, expresou Víctor Prieto. Pola súa banda, José Rodríguez valorou “a complexidade do traballo organizativo e de xestión para poder reunir nunha exposición pezas de diferentes museos de Europa, coa dificultade que supón mover polo mundo tesouros como os que aquí se exhiben”.

O presidente do goberno provincial agradeceu “a sensibilidade do acordeonista e do intelectual ourensáns ao querer estar presentes na exposición, amosando unha vez máis o seu compromiso por Ourense e por todo o que significa pór en valor a nosa historia”.

In Tempore Sueborum, que días pasados se presentou na cidade portuguesa de Braga, encamiña o seu último tramo, xa que se clausurará o vindeiro 6 de maio, acadando os máis altos niveis de éxito de público e de investigadores, quen a logo destes meses puideron contemplar esta mostra histórica nos tres espazos expositivos onde se exhibe: o Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, a igrexa de santa María Nai e o Museo Municipal de Ourense”. Son os seus comisarios Jorge López Quiroga e Artemio M. Tejera.

VOLVER