A prensa portuguesa destaca a exposición In Tempore Sueborum

OURENSE, 20 de abril de 2018.-A prensa portuguesa faise eco da exposición internacional In Tempore Sueborum, que ata o vindeiro 6 de maio permanece aberta na cidade de Ourense. A importancia do contido deste proxecto científico e cultural queda reflexada nos medios do país veciño despois da presentación feita esta mesma semana en Braga. Así, o Correio do Minho abriu a súa páxina tres o martes, día 17, a cinco columnas, destacando que pezas do Museo D. Diogo de Sousa e do Pío XII integran a mostra sobre o tempo dos suevos na Gallaecia. Na información a toda páxina destácase a presenza de 80 pezas dos museos portugueses, das que o D. Diogo de Sousa contribuiu con máis da metade.

A presentación da mostra esta semana en Braga tivo ampla repercusión. FOTOS: Alberte Paz.

Outro diario que publicou sobre In Tempore Sueborum é o Diario do Minho, na súa páxina 7, abre a catro columnas para subliñar que hai una exposición que mostra o pasado suevo común entre Braga e Ourense. E sinala que se trata dunha oportunidade para visitar a cidade de As Burgas.

Con estes dous diarios, entre outros medios, quedou ben reflexada a presenza da exposición para o achegamento de cidadáns do país veciño á mesma. Tamén se lle dedicou un espazo nas emisoras da zona, como a Radio Universitaria do Minho on line ou as redes do propio Museu Arqueologico D. Diogo de Sousa, sen esquecer as da Cámara Municipal de Braga.

Ao fin e ao cabo non deixa de ser a cidade bracarense a capital por excelencia do Reino Suevo da Gallaecia, onde un personaxe de tanta importancia como Martín, o monxe embaixador bizantino, nacido na Panonia, viviu como abade e bispo no mosteiro de Dumio e despois como arcebispo metropolitano de Braga, deixando una moi fonda pegada nestas terras na segunda metade do século VI.

Compartir enShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn

VOLVER