Unha delegación oficial da Cámara Municipal de Braga visitou In Tempore Sueborum

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, non descarta a colaboración entre ambas institucións para outros proxectos culturais

OURENSE, 4 de maio de 2018.- Unha delegación institucional da Cámara Municipal de Braga (Portugal), visitou hoxe a exposición internacional In Tempore Sueborum en Ourense. A media mañá chegaron Antonio Barroso, oficial maior do Gabinete de Apoio á Presidencia; Lidia Dias, vereadora de Cultura; Rui Ferreira, asesor de Cultura; Isabel Silva, directora do Museu Arqueológico D. Diogo de Sousa da cidade bracarense, Miguel Bandeira, vereador de Patrimonio. Foron recibidos, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, polo asesor de Cultura, Aurelio Gómez Villar e polo responsable de Comunicación e das Visitas Guiadas de In Tempore Sueborum, Jesús Manuel García.

A delegación portuguesa foi acompañada no percorrido por Jesús Manuel García. FOTOS: Alberte Paz.

A delegación portuguesa percorreu as tres sedes da mostra na compaña de García, podendo ver as 262 pezas, unha boa morea delas procedentes de Portugal. Os visitantes quedaron sorprendidos co discurso expositivo sobre a chegada dos bárbaros á Gallaecia e expresaron o interese en que, se non toda a exposición actual polo menos una parte poda chegar nalgún momento a Braga. Manuel Baltar sinalou que no futuro próximo se poden deseñar estratexas culturais entre a provincia de Ourense e a capital bracarense, aspecto co que concordan os representantes da Cámara Municipal da cidade miñota.

A visita resultou moi interesante porque foi enriquecida nalgúns aspectos con novos detalles sobre certas pezas de museos do Norte de Portugal, aportados pola directora do D. Diogo de Sousa. O percorrido cultural converteuse nun magnífico diálogo entre o guía e os membros da delegación lusa por espazo de algo máis de dúas horas. Ao regresar a Portugal, os cinco representantes foron cunha sensación positiva polo visto e aprendido en In Tempore Sueborum.

Compartir enShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn

VOLVER