Collar-diadema de oro de Beiral

Colar ou diadema de Beiral. Museu Nacional de Arqueologia de Lisboa.

In tempore Sueborum trasládanos á nosa historia na Idade Tardo-Antiga, no ocaso do Imperio Romano, cando os suevos se instalan no Noroeste da Península Ibérica. Aqueles feitos dos séculos IV ao VI cambiarán o concepto de xentes bárbaras herdado dos romanos. A exposición estrutúrase en tres ambientes localizados no Centro Cultural Marcos Valcárcel, na igrexa de Santa María Nai e no Museo Municipal, para saber da chegada dos suevos, da orixe do cristianismo na época e de como convivían cos galaico-romanos da Gallaecia.

No Marcos Valcárcel coñeceremos o proceso complexo que supuxo a chegada e instalación dos Suevos na Gallaecia. Dito proceso desenvolveuse entre os séculos IV e VI en toda Europa, e derivou na creación do Reino Suevo no noroeste da Península Ibérica entre os anos e 411 e 585 da nosa era. Foi o primeiro reino bárbaro en Occidente, precedente pioneiro dos reinos da Idade Media e xermolo da configuración política da Europa actual.

Estes clixés sobre os Bárbaros condicionaron o relato histórico sobre o que no norte e centro de Europa se coñece coma “Período das Grandes Migracións”, mentres no sur do continente se denomina coma “Invasións bárbaras e/ou xermánicas” naqueles países (Francia, Italia, España) onde os diversos pobos bárbaros crearon reinos trala desaparición do Imperio Romano Occidental. A idea de “invasión”, relacionada cunha imaxe de bárbaro como salvaxe, incivilizado, é unha narración hábil da elite cultivada romana nun período no que Roma camiñaba polos sendeiros da Historia, por así dicilo, co paso cambiado. Os Bárbaros, procedentes do outro lado da fronteira nordeste do Imperio (o limes renano-danubiano) foron inicialmente a “solución” recorrente para xerar activos militares que atendesen aos cada vez máis habituais desordes nas fronteiras, sendo empregados coma auténticos mercenarios ao servizo do Imperio. Os Bárbaros, especialmente as súas elites dirixentes, obtiveron deste xeito beneficios en forma de terras, estatus e prestixio social, pois moitos acabarían formando parte, e mesmo estando á fronte do Exército Imperial Romano. Polo tanto, en vésperas das “Invasións/Grandes Migracións” de comezos do século V, existían xa importantes conxuntos de Bárbaros asentados dentro do Imperio e mesmo convivindo coa poboación provincial romana. Polo tanto, os costumes e os elementos característicos da civilización romana non eran alleos aos Bárbaros, e en particular ás súas elites dirixentes, pois Roma constituía para eles un modelo, un ideal a imitar, non a destruír.

Os Bárbaros, os “Xermanos”, e entre eles os Suevos, son unha creación de Roma; o enxeño político e militar romano creou o “mundo bárbaro”, tinguindo máis de sombras que de luces a súa verdadeira dimensión histórica. Por conseguinte, debemos “deconstruír” aos Bárbaros para tentar construír un relato que nos afaste do mito e nos achegue algo máis á súa realidade.

O contacto dos Suevos co mundo romano é recorrente, e diriamos que continuo desde tempos de César. En efecto, a imaxe que Roma nos transmitiu dos Suevos deriva esencialmente das descricións realizadas por César a finais do século I a. C. e, sobre todo, por Tácito no século I d. C. nun breve texto que tivo unha gran repercusión e non sempre positiva influencia: De Re Germaniae. A maioría dos obxectos que posuímos amosando a individuos relacionados cos Suevos enmárcanse nun contexto histórico moi preciso, as coñecidas como “Guerras Marcomanas”, podendo vencellar ditas representacións co ambiento bélico e militar que enfrontou ás lexións romanas cos temibles Marcomanos.

Un dos aspectos privilexiados no estudo dos pobos Bárbaros é o relativo ás súas formas de enterramento, o mundo funerario. As tumbas pertencentes a estas poboacións, ademais de amosar unha forte influencia do mundo romano a través dos obxectos achados nos enterramentos, poñen de manifesto no tránsito entre os séculos IV e V, a adopción por parte das elites bárbaras dun tipo de vestimenta similar coñecida coma “moda póntico-danubiana”, o que coñecemos como “tumbas principescas”. Estes luxosos e abundantes elementos de vestimenta persoal conforman un elenco de obxectos distintivos e característicos dos enterramentos da “xente VIP” entre os séculos IV e VI, no período das “Grandes Migracións”, desde o Póntico ata o norte de África e por suposto, en Hispania e na Gallaecia.

Os Suevos que, xunto con Vándalos e Alanos, cruzan os Pireneos no ano 409, estarían constituídos por grupos de poboacións cuadas, marcomanas e mesmo alamanas. A denominación colectiva de Suevos deriva, por unha banda, de ser un nome de prestixio entre os Bárbaros e, por outra banda, á máis que probable presenza dun grupo aristocrático aglutinado en torno a unha estirpe rexia á fronte da que estaría un “xefe militar” suevo.

O Reino Suevo

O Reino Suevo (anos 411-585), desenvolveuse durante un pouco máis dun século e medio nun ámbito territorial correspondente á provincia romana da Gallaecia e áreas lindeiras, logrando articular un dominio político e territorial que lle permitiu configurar o primeiro reino independente no Occidente europeo posterior á época romana. Diversos autores hispanorromanos como Hidacio, Orosio, Isidoro de Sevilla e Xoán Biclarense, relatan os acontecementos políticos, militares, así coma as loitas internas dentro das familias dirixentes suevas, que marcaron o devir histórico dos Suevos no extremo occidental da Península Ibérica.

O exercicio de poder político suevo é particularmente visible a través das cuñaxes monetarias en ouro (tremises), desde o reinado de Hermerico (409-438-441), primeiro rei suevo na Gallaecia. Os Suevos non desenvolveron tipos monetarios propios, por iso falamos sempre de imitacións dos modelos Imperiais. Requiario (448-456), foi o primeiro rei bárbaro en cuñar moeda co seu nome en Braga, a capital política do reino suevo.

Os ritos e costumes funerarios permiten observar certos cambios, non tanto cuantitativos coma cualitativos, na Gallaecia dos séculos V e VI. Actualmente, a diferenza de como se interpretaban estas transformacións hai algúns anos, o estudo do mundo funerario non se aborda como a evidencia de individuos que presentan características étnicas inmutables no tempo. Ao contrario, o mundo funerario sería o resultado dun longo proceso de aculturación e mestizaxe (cunha clara influencia do mundo romano) que se materializa na vestimenta, elementos de adorno e depósitos funerarios que atopamos nos enterramentos dos séculos V e VI. Este tipo de obxectos é habitual atopalos en inhumacións que se corresponden coas elites bárbaras, en moitos casos tumbas femininas, aínda que tamén masculinas e infantís, que nos amosan un modo común de vestimenta que portarían tanto as elites suevas coma as doutros pobos bárbaros (Alanos, Vándalos, Godos), e que é idéntica á que se constata noutros ámbitos do Centro e Leste de Europa.

O peso e influencia do Cristianismo na Gallaecia dos séculos V e VII constitúe un indicador cultural e ideolóxico omnipresente en todos os ámbitos da sociedade tardo-antiga. Isto é manifestamente visible no ámbito funerario, un escenario privilexiado no que son perceptibles as diversas tradicións e influencias reinterpretadas en diversos soportes e materiais con símbolos e códigos claramente cristiáns, neste caso perceptibles tanto nos enterramentos das elites galaico-romanas coma do resto da poboación da Gallaecia.

No ano 585 Leovixildo porá punto final ao Reino Suevo a través da súa integración no puxante e hexemónico Reino Godo de Toledo; iniciándose así unha etapa diferente na Historia das terras da antiga provincia romana de Gallaecia.

Sarcófago de San Martín de Dumio

Sarcófago de San Martinho de Dumio. Museo D. Diogo de Sousa de Braga.

Cambiamos agora de escenario e nos diriximos á histórica igrexa de Santa María Nai. Este é o espazo escollido para tratar sobre a cristianización e o territorio da Gallaecia da época sueva. O Cristianismo non constituía unha novidade no Occidente europeo posterior á época romana e nos diversos ámbitos territoriais do heteroxéneo mosaico de crenzas e cultos, tolerados e mesmo estimulados por Roma, no que a prácticas relixiosas se refire. Desde a proclamación do coñecido “Edicto de Milán” no ano 313 por Constantino I “O Grande” e Licinio, o Cristianismo, na súa vertente católica, converteuse na relixión oficial do Imperio. Probablemente, o feito de que o emperador Galerio promulgara dous anos antes (ano 311) o denominado “Edicto de Nicomedia”, decretando a tolerancia para co culto cristián e os seus practicantes, facilitou o camiño para que o Cristianismo pasase a ser na práctica un culto de Estado. Unha asociación, a do poder político co relixioso, sen dúbida complexa e non lineal, que perdurará practicamente ata a Época Contemporánea.

A tolerancia e a oficialización a comezos do século IV por parte do Emperador, non foi senón o punto de chegada, o recoñecemento dunha situación de facto: o imparable avance do Cristianismo ao longo e ancho do Imperio Romano. A implantación do culto cristián e das estruturas xurídicas, administrativas e materiais que os sustentan, presenta ritmos e tempos diferentes nun territorio tan vasto coma o do Imperio. Con todo, e como unha superestrutura ideolóxica que é, a súa dinámica natural tende á uniformización e homoxeneización de usos e costumes dentro dunha estrita xerarquía organizativa e funcional.

Por conseguinte, e sexa cal fose o ámbito territorial no que nos situemos, observamos procesos e mecanismos similares, por non dicir case idénticos, que marcan a progresiva implantación do Cristianismo. Tales procesos son patentes a través dos textos xerados pola administración eclesiástica, dos escritos dalgúns eclesiásticos de sólida formación intelectual, e das evidencias materiais ligadas á Liturxia, o culto e o mundo funerario.

Na Gallaecia de época sueva, o Cristianismo, aínda estando presente, non se materializa de forma homoxénea e uniforme sobre o noroeste peninsular, posto que nese período atópase aínda entre a “oficialización” e a “expansión”. Polo tanto, o proceso de cristianización, cando Suevos, Vándalos e Alanos chegan e se asentan na Gallaecia a comezos do século V áchase nos momentos iniciais da súa implantación e desenvolvemento. Esencialmente no que respecta á existencia dunha estrutura administrativa eclesiástica do territorio e a forte presenza e arraigamento dunha diversidade de cultos e prácticas moi ligadas aínda ao mundo relixioso romano e prerromano.

O percorrido que faremos para abordar o estudo da Cristianización no ámbito territorial correspondente á Gallaecia de época sueva, o estruturamos en dúas fases que marcan dous momentos ben diferenciados neste complexo proceso:

  • En primeiro lugar, as orixes (entre os séculos IV e V, e mesmo unha boa parte da primeira metade do VI) do proceso de cristianización, marcados tamén polas diferentes conversións dos Suevos ás versións católica e arriana do Cristianismo. Trátase dunha fase definida por unha singular convivencia entre as prácticas pagás e as cristiás, dando lugar a particulares fenómenos de interacción e sincretismo cultural. Unha etapa inicial, na que o papel de certos individuos pertencentes á aristocracia galaico-romana e hispanorromana, foi determinante para intentar establecer unha estrutura administrativa eclesiástica sobre o territorio, máis visible nos ámbitos urbanos ou semiurbanos que no difícil medio rural do noroeste peninsular.
  • En segundo lugar, e xa en pleno século VI, tivo lugar un cambio substancial nas características, ritmos e intensidade do proceso de cristianización, especialmente a partir do ano 550. É o que denominamos como Efecto San Martiño, debido ás transcendentais consecuencias que a súa actividade (pastoral, evanxélica e sociopolítica), xerou en terras da Gallaecia, e de forma singular entre a elite dirixente sueva, razón pola que tamén se lle coñece como o Apóstolo dos Suevos. Esta relación entre a Igrexa católica e a monarquía sueva, é preciso inscribila e entendela no marco da utilización dos procesos de conversión (tanto á vertente católica coma arriana do Cristianismo) como un mecanismo de diferenciación e identidade sociopolítica. O coñecido como Parroquial Suevo constitúe un exemplo único, en todo o Occidente latino, do Efecto San Martiño na Gallaecia. Neste senso, a intensificación, na segunda metade do século VI, da actividade construtiva estreitamente vencellada ás elites cristiáns é un síntoma, e á vez unha consecuencia , da implantación sobre o territorio dunha forte xerarquización instaurada a través da organización e administración eclesiástica do mesmo, como evidencia o Parroquial Suevo aínda que con ritmos e intensidade diferentes nun espazo tan amplo coma o noroeste da Península Ibérica.

Cama de freno o bocado de caballo

Cama de bocado de freo de cabalo de Viladonga. Museo Castro de Viladonga.

No Museo Municipal de Ourense coñeceremos aspectos da convivencia, na Gallaecia tardo antiga, entre os suevos e os galaico-romanos. Os cambios e transformacións na paisaxe urbana e rural da Gallaecia tardo-antiga non veñen motivados pola presenza e dominio político dos Suevos durante os 174 anos nos que exerceron o seu poder nestas terras. Foi realmente a propia dinámica evolutiva interna da sociedade galaico-romana a que marcou a transición entre o final do dominio romano e os comezos da Idade Media, un período que definimos como Antigüidade Tardía.

As estruturas de base, os elementos definitorios da paisaxe instaurados por Roma na Gallaecia, permanecerán ao longo dos séculos V e VI. Non obstante, a progresiva desaparición da estrutura político-administrativa romano, e con el a ausencia dun dominio territorial directo, deron lugar a pequenos pero irreversibles cambios nos asentamentos rurais e urbanos. Neles o proceso de cristianización exerceu unha influencia notable, tal e como evidencia hoxe en día de xeito significativo a investigación arqueolóxica.

Na paisaxe da Gallaecia tardo-antiga mantéñense presentes, aínda que con cambios e transformacións máis debido a procesos internos que a influencias externas, as estruturas de poboamento e patróns de asentamento existentes xa na época tardo-romana:

  • En primeiro lugar, os asentamentos de altura, os coñecidos como castros mantendo a súa ocupación nos séculos V e VI sendo “reocupados” puntualmente a comezos do séculos V ou, polo menos cos datos arqueolóxicos dispoñibles, creados excepcionalmente nos séculos V ou VI.
  • En segundo lugar, os establecementos de chaira, xenericamente denominados como villae. Aínda que as disparidades na súa fisionomía, dimensións e funcionalidade fagan deste termo un concepto moitas veces equívoco. Trátase, na maioría dos casos, de explotacións agropecuarias rurais orientadas ao autoconsumo ou a actividades produtivas, como as factorías de salgadura, tan propias da paisaxe costeira galaico-portuguesa e que, ao mesmo tempo, conforman luxosas residencias onde habitaban os propietarios de ditas villae.
  • En terceiro lugar, as coñecidas como aglomeracións secundarias (os vici), que configuran unha unidade intermedia de vertebración territorial entre os enclaves considerados como urbanos (as capitais político-administrativas) e unha rotunda maioría de asentamentos rurais (tanto en chaira coma en altura). Nos vici, conflúen habitualmente importantes vías principais ou secundarias de comunicación, constituíndo en non poucas ocasións o xermolo de importantes núcleos de poboación en época tardo-antiga e ao longo da Idade Media. Algunhas destas aglomeracións secundarias teñen unha orixe militar, outras estiveron vencelladas ao mantemento da infraestrutura viaria de época romana.
  • E, por último ao ser cuantitativamente minoritarios, os núcleos urbanos, limitados basicamente, nunha acepción restritiva do termo, ás capitais dos grandes distritos administrativos de época tardo-romana (os conuentus xurídicos): Lugo (Lucus), Astorga (Asturica) e Braga (Bracara). As tres capitais conforman os vértices do triángulo viario que vertebrou as terras do noroeste peninsular desde época romana ata ben entrada a Idade Contemporánea. Nestes tres núcleos urbanos, a arqueoloxía documentou unha continuidade de ocupación en época tardo-antiga, similar á doutras capitais provinciais do Imperio Romano, con importantes e significativos cambios na paisaxe urbana e nas formas de ocupación desas importantes ciuitas nos séculos V e VI. Transformacións, en grande medida, aínda que non unicamente, relacionadas co proceso de cristianización perceptible na súa topografía.

Pola súa novidade, e a pesar de ter sido obxecto dunha recente exposición monográfica, dedicamos un apartado específico a un aspecto da sociedade galaico-romana tardo-antiga que ata hai poucos anos era difícil ou case imposible de abranguer, como é o do comercio e o intercambio no séculos V e VI. Evidencias do mesmo víñanse constatando cada vez con maior seguridade, confirmando a existencia duns contactos exteriores que xa coñeciamos a través dos textos da época, pero foron os espectaculares achados dos últimos anos en Vigo (o Vicus Spacorum) os que proporcionaron un xiro importante na información arqueolóxica dispoñible, a través dun volume de achados que evidencian o alcance e a intensidade espacial e temporal dun comercio moi dinámico. O estímulo e demanda desta actividade de importación é preciso ligala, en boa parte, ás elites dos séculos V e VI, e especialmente, ás elites eclesiásticas.