Museo Municipal

É un inmoble do século XVI construído por Francisco Méndez Montoto e reconstruído no ano 1595 de acordo coa inscrición que se conserva no lintel do vestíbulo, polo seu fillo, Alonso Méndez Montoto, que era alguacil maior da Real Audiencia e que faleceu en 1617, e polo seu neto, Alonso, que contraeu matrimonio con María Enríquez Vilamarín. Alonso Méndez Montoto levaba a súas armas “postas e esculpidas na portada da súa casa e na ermida”, edificio que pola parte traseira alcanzaba a rúa dos Fornos e contaba cunha horta e nesta un pozo e laranxeiras. Cando morre María, o seu esposo viúvo arrenda ao seu irmán Benito Méndez Montoto as casas principais que tiña na Rúa da Obra. Por iso amósanse as armas dos Vilamarín ao carón das dos Méndez na fachada do edificio que tiña un patio interior e foi modificado ao destinar dito inmoble para museo no ano 1987. A rúa onde se localiza é a actual Rúa Lepanto, antes Rúa da Obra facendo referencia aos labores de construción da veciña Catedral de San Martiño na Idade Media, xa que nesa zona próxima á cabeceira do templo episcopal localizábase o obradoiro da mesma. De aí, o primitivo nome desta vía.

Luns: pechado.
De martes a sábado: 11h a 14h e de 18:30h a 21:30h.
Domingos: 11:30h a 14h

Pechado os días 29 e 30 de Marzo.

Descargar

Centro Cultural Marcos Valcárcel

Ocupa un notable edificio do século XIX con preto de 4.000 metros cadrados de superficie. Con anterioridade fora un almacén téxtil, propiedade da familia Simeón García, e vivendas. A súa arquitectura sobria a base dunha magnífica cantaría de pedra e unha carpintaría de madeira emblemática encaixan cunha recuperación que respectou con exactitude o seu carácter señorial para convertelo hoxe nun lugar referente de cultura na provincia ourensá. Concretamente a historia deste inmoble remóntase ao ano 1893, cando Gil Torres Fernández, en representación de Juana Navarrete, residente en Santiago de Compostela, solicitou desmontar unha horta propiedade de dita señora, para erguer un edificio cuxos planos son do arquitecto catalán Antoni Serra i Pujals. Juana Navarrete era a esposa de Simeón García Olalla y de la Riva, iniciador dun florecente negocio de tecidos, os Almacenes Simeón. O inmoble quedou rematado en 1896 e o inspector da súa construción foi José Queralt.

Anos despois a familia propietaria engadiu ao negocio un banco, o Banco Simeón. Este inmoble é unha construción do seu tempo, mostra da renovación arquitectónica e de progreso propia das cidades da época, moi influenciada pola moda europea. A cantaría do edificio débese a Severino López, a ebanistaría, a Manuel Amor Fernández e a fundición, á Fundición Malingre.

O edificio presenta hoxe soto, planta baixa e tres alturas. Presenta planta rectangular e en cada esquina loce unha torre. Foi concibido con tres fachadas elegantes, unha para cada unha das tres rúas ás que dá. A fachada sur e medianeira e hoxe se constitúe por galerías que iluminan o edificio coma se fose unha solaina.

De Luns a sábado: 11h a 14h e de 17h a 21h.
Domingos: 11h a 14h.

 

Descargar

Igrexa de Santa María Nai

Posiblemente, trátase do templo máis antigo da cidade e que data probablemente do século VI. Foi reconstruído polo bispo Ederonio en 1084, tal e como reza a inscrición sobre a porta lateral, pola que en tempos se accedía ao claustro e cemiterio desta igrexa. Trataríase dun inmoble románico, de pequenas dimensións, a xulgar por noticias que nos quedan de Muñoz de la Cueva, pero como indica Olga Gallego, as evidencias non nos permiten pensar nun edificio románico pois, fixándonos nas oito columnas tardo-romanas ou xermánicas da fachada barroca, ou foron elementos da primitiva igrexa ou dun edificio de carácter civil.

Santa María Nai foi lugar de enterramento dos bispos de Ourense ata que se construíu a actual catedral. A documentación desvela o nome dalgúns bispos inhumados en Santa María Nai ben na capela dedicada a San Ildefonso ou na de Santiago. O edificio que hoxe contemplamos é do século XVIII. Foi construído en 1722 por orde do bispo Juan Muñoz de la Cueva unha vez derribado o primitivo templo, acción que tivo lugar en 1717 baixo o pontificado de monseñor Siuri.

Descargar

Na fachada norte sobre a porta, foi colocada unha inscrición en 1722 que alude á basílica que levantara Ederonio no século XI. Masdeu a traduciu do latín e vén a dicir: “Está aberta para todos a porta deste sagrado templo. Os fieis cristiáns derramen aquí os seus corazóns diante de Deus e choren amargamente os seus pecados e entrando así aflixidos saian alegres porque Xesucristo perdoa as culpas a quen as confesa e as chora. O bispo Ederonio empezou a fábrica desta igrexa na era de 1122, ano de 1084”. O debate segue aberto con respecto a se no solar de dito templo estaba a primitiva catedral da diocese

Eduardo Carrero Santamaría pensa que en Ourense a perda da catedral previa ou o feito de que puidese atoparse en obras levou “á adaptación dun templo próximo ou ao uso da capela episcopal, neste caso Santa María a Nai, como catedral eventual”. Considera que non é fácil de soster se o conxunto episcopal ourensán tivo desde un inicio dúas igrexas dedicadas á Virxe e a San Martiño. Non cree Carrero que en Ourense se poida falar dun conxunto episcopal con catedral dobre pois sinala que a existencia de dous templos paralelos baséase en “testemuños lendarios, en pezas reaproveitadas e na opinión xeral dunha maior antigüidade de Santa María a Nai fronte a San Martiño”.

Benito Fernández Alonso e Del Castillo sostiveron que Santa María Nai non existiu antes do século XI, que é cando a edificou Ederonio “para facer as funcións de catedral ante o lamentable estado no que debía acharse a orixinal igrexa prerrománica de San Martiño”.

Esa igrexa pequena acolleu o culto catedralicio ata, di Carrero, preto do ano 1132, cando se empezaría a erguer a actual basílica, consagrado o seu altar en 1188. Parécelle evidente que dito templo edificado por Ederonio era unha fundación ex novo.

Segundo Del Castillo, os famosos capiteis procederían da orixinal e primitiva catedral de San Martiño. Carrero Santamaría sinala que de acordo co substrato tardo-romano sobre o que se erguen tanto a igrexa de Santa María coma o resto do palacio episcopal ourensán, “os capiteis puideron reaproveitarse doutro edificio da zona”. Por isto conclúe que a sé catedralicia desta cidade estaba localizaba “nun lugar similar ao actual”, que disporía, ao norte, dunha capela bautismal dedicada a San Xoán Bautista, e dun atrio. Ederonio, pola súa banda, mandaría edificar Santa María Nai para celebrar alí o culto episcopal mentres se reformaba a sé de San Martiño, moi deteriorada dadas as incursións foráneas. Rivas Fernández insiste en que a obra románica da catedral “non se ergueu en solar de novo cuño, disociado ou desconectado do recinto sagrado preexistente, senón que é a directa herdeira doutra ou doutras edificacións sagradas que como ecclesiae de santos se asentaron neste mesmo lugar”.

Luns: pechado.
De martes a sábado: 11h a 14h e de 17h a 21h.
Domingos: 11h a 14h.