O Foro La Región-Deputación de Ourense reúne a especialistas para tratar aspectos que integran In Tempore Sueborum
OURENSE, 19 de decembro de 2017.- A exposición In Tempore Sueborum, a máis importante de Europa no estudo dos bárbaros, organizada pola Deputación de Ourense, inclúe un ciclo de conferencias que se van celebrar todas no Centro Cultural Marcos Valcárcel, sempre ás 20.15 horas, dentro do Foro La Región-Deputación de Ourense. Serán cinco charlas de recoñecidos especialistas na materia obxecto de estudo. A idea central é presentar, de forma didáctica para o público non especializado, algún dos eixos temáticos que son claves nesta exposición, dende unha perspectiva inter e multidisciplinar. Neste senso, o enfoque das charlas vaise desenvolver dende ángulos tan diversos que van dende a Historia da Arte, a Historia Política, a Arqueoloxía, a Bio-antropoloxía, a Bioloxía evolutiva e a Paleo-xenómica.
O día 22, venres, falará Jorge López Quiroga, profesor da Universidad Autónoma de Madrid e comisario de In Tempore Sueborum. O seu tema será El ´regnum sueborum´galaico (411-585): La creación del primer reino medieval de Europa. O luns, 8 de xaneiro, intervirá o segundo comisario da exposición, o profesor Artemio M. Martínez Tejera, da Universidad Autónoma de Madrid, para disertar sobre La arquitectura cristiana de los siglos V-VI en el Regnum Sueborum. O luns, día 22 de xaneiro, falará Michel Kazanski, da Unidade Mixta de Investigación Oriente y Mediterráneo, do Centro Nacional da Investigación Científica, Colexio de Francia-París/CNRS-UMR 8167’Orient & Mediterranéé. A súa conferencia titúlase: La difusión de la moda póntico-danubiana en Occidente a través del mundo funerario de los siglos V y VI: ¿Una cuestión étnica o un indicador etnográfico? Para o día 5 de febreiro, luns, está prevista a intervención de Carles Lalueza Fox, do Laboratorio de Paleogenémica, Instituto de Biología Evolutiva da Universidade Pompeu Fabra. O tema escollido é: ADN antiguo y movimientos migratorios: ¿colisión o complementariedad?
Para o 19, contarase coa presenza de Patrick Périn, director honorario do Museo Arqueolóxico Nacional de Francia. Autopsia de una reina merovingia: Aregonda, é o seu tema. Este ciclo pecharase o luns, 5 de marzo de 2018, coa presenza de Susanne Hakenbeck, da Universidade de Cambridge, para falar de Isótopos e identidades entrelazadas en la cuenca del Danubio en los siglos IV al V.
Pendente de data está a presentación e estrea do documental In Tempore Sueborum, que dura 45 minutos e recolle un amplo traballo científico sobre o Reino dos Suevos e a súa presenza no Noroeste peninsular.