O Ateneo de Ourense recomenda a visita a In Tempore Sueborum

O seu vicepresidente asegura que ver a exposición tiña que ser “obrigatorio”

OURENSE, 20 de xaneiro de 2018.- O Ateneo de Ourense, a Asociación Cultural Lugo Patrimonio e varios membros da Sociedade Galega de Historia Natural, visitaron na mañá deste sábado a exposición In Tempore Sueborum. O vicepresidente do Ateneo, Pablo González, asegurou que o coñecemento desta exposición tra-la visita de hoxe parécelle “fantástico, abraiante”. A impresión que se leva da mostra é, segundo as súas verbas, “que é una marabilla porque é historia, é arte, é sociedade… é todo!” Para el, o máis espectacular que viu en In Tempore Sueborum foron “as xoias, e hainas que teñen un traballo absolutamente increíble, que non semella posible facelas a man, parecen cousas… non sei”. O vicepresidente do Ateneo de Ourense recomendaría a visita a esta exposición: “Sen dúbida e eu faría-a obrigatoria”.

Os participantes coñeceron o patrimonio que amosan as vitrinas. FOTOS: Alberte Paz.

A experiencia de hoxe comezaba ás once da mañá, cos dous grupos xuntos, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Pasaban das sesenta persoas e todos participaron na visita guiada. Tras ver a primera sala, na que se da outra idea deses pobos que os romanos chamaban bárbaros, todos os participantes desprazáronse ata a igrexa de Santa María Nai, para coñecer que pasou na Gallaecia cando chegaron os suevos, aspecto que coincide co asentamento do cristianismo. O grupo de Lugo, por razón de tempo, adiantou indo desde Santa María Nai ao Museo Municipal, co seu presidente, Adolfo de Abel, que xa viñera días atrás a ver a mostra pola súa banda antes de traer aos socios deste colectivo importante cultural de Lugo.

Malia que a SGHN ten previsto vir máis adiante a In Tempore Sueborum, houbo algúns membros que decidiron visitar a mostra hoxe, integrados no grupo do Ateneo. Tamén houbo xente que, por diversas razóns, non completou todo o percorrido pois sabían que o que lles falte por ver pódeno coñecer tamén en visita guiada ao longo da semana nas que se fan ás 18.30 h., xa que souberon tamen a que hora vén caendo a visita en cada ún dos tres edificios nos que se desenvolve.

Un momento da visita, ante a lauda funeraria de Modesa.

Os asistentes seguiron con atención o percorrido guiado polos espazos, vendo e coñecendo as 262 pezas, tesouros nacionais de dez países que se gardan en 39 museos europeos. Incluso algún participante non daba crédito sobre como nunha cidade como Ourense se montou unha exposición tan importante a nivel internacional, algo nunca visto, dentro e fora das nosas fronteiras no que a unha mostra sobre o mundo suevo se refire. A moitos chamoulles a atención o feito de ter á vista tantas pezas, algo que cando se peche In Tempore Sueborum xa non será posible, de xeito que quen queira velas terá que viaxar a eses dez países para contemplar cada obxecto no seu museo correspondente.

A exposición desperta un gran interese na población.

In Tempore Sueborum está metida xa na fase de tramitación da súa ampliación no tempo pois se ata o de agora fixárase como data de clausura o 4 de marzo, cos novos trámites todo indica que se poda conquerir ampliala ata o 6 de maio. Nesta fase se está. Por outra banda é ben sabida a repercusión que esta exposición, no seu primeiro mes de vida, tivo nos medios tradicionais de comunicación e nas redes sociales, o que equivale a un millón de impactos. Isto da idea da categoría desta mostra e o interese que desperta na sociedade española.

VOLVER