Ramón Villares subliña que In Tempore Sueborum mostra a Gallaecia no seu contexto europeo

O presidente do Consello da Cultura Galega coñeceu a exposición internacional organizada pola Deputación de Ourense

OURENSE, 16 de febreiro de 2018.- O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, visitou este venres a exposición In Tempore Sueborum. Pasada a media tarde chegou o veterán profesor ao Centro Cultural Marcos Valcárcel, acompañado pola súa dona e outros membros do Consello, incluíndo á vicepresidenta, Rosario Álvarez.

O catedrático escoltou con interese os comentarios do comisario da exposición. FOTOS: Alberte Paz.

Foron recibidos polo asesor de Política Cultural da Deputación Provincial e coordenador xeral da exposición, Aurelio Gómez Villar,ao que acompañaban o comisario e profesor Jorge López Quiroga e o responsable das visitas guiadas e da comunicación, Jesús Manuel García. López Quiroga guiounos pola sala e deulles tempo de ver tamén Santa María Nai, de xeito que os visitantes do Consello puideron coñecer o contido dos túmulos que nos dan novas informacións sobre os pobos non-romanos e pezas que falan do establecemento do cristianismo na Gallaecia, que coincide coa chegada dos suevos.

Villares quedou sorprendido coa variedade e calidade das pezas.

Villares aproveitou a oportunidade para ver a exposición internacional antes de participar na presentación dun libro do Consello de Cultura Galega no Liceo da cidade de Burgas. O profesor levou unha boa impresión de In Tempore Sueborum, e subliñou a importancia das pezas, algo nunca visto antes en Galicia e en Europa: “A mostra permite ver por primera vez a Gallecia e o seu contexto europeo a través deste elenco de pezas chegadas de todo o continente”.

O presidente do Consello da Cultura contemplou o broche de cinto de Baamorto, entre outros obxectos.

Villares, nado en 1951, é catedrático de História Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela desde 1987 e Presidente do Consello da Cultura Galega desde 2006. Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia no período 1986-1990, reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre 1990 e 1994 e membro fundador e presidente da Asociación Española de Historia Contemporánea (1996-2002). Tamén foi director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (1997-2005) e, desde 2006, é membro numerario da Real Academia Galega. Pertence a varios padroados de centros e fundacións (Museo do Pobo Galego, Fundación Juana de Vega, Fundación Luis Seoane ou Centro Galego de Arte Contemporánea, entre outros).

VOLVER