Manuel Baltar subliña que Ourense seguerá elevando o listón con novos proxectos culturais
OURENSE, 15 de marzo de 2018.- A exposición internacional In Tempore Sueborum, organizada e patrocinada pola Deputación de Ourense, alcanzou xa os 25.000 visitantes. Esta cifra conseguiuse hoxe co grupo de alumnos do colexio público de Ventín, en Ames. O seu director, Alfredo Rodríguez Rodríguez, e os estudantes recibiron esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel a visita do presidente Manuel Baltar quen lles agradeceu a súa presenza didáctica na mostra ao tempo que lles entregou un exemplar do catálogo para que conste na biblioteca do centro.
Rodríguez amosou a satisfacción de todo o grupo de escolares: “Nos interesa moito o tema da historia, da xeografía, ubicar aos nosos rapaces, sobre todo que non perdan a identidade. Non dubidamos nada en relación con esta exposición en Ourense, xa tivemos que adiala nun momento por temporal e hoxe case nos pilla tamén, pero viñemos. É unha liña de traballo do colexio. Cada ano, os alumnos que rematan sexto de Primaria, teñen que ter visitado algo das catro provincias galegas. Iste ano tocáballe vir ver esta exposición”. O feito de estar entre eles o visitante 25.000 élle “unha sorpresa grata, supoño que para todos eles, os alumnos. É unha novidade e gardaremos esa entrada 25.000 na nosa biblioteca do centro”.
Baltar sinalou que o sistema instalado de control de visitantes “dalle moita credibilidade”, engadindo que a exposición sobre o tempo dos suevos “segue sendo moi atrativa e seguimos animando a todos aqueles que inda non se achegaron, a que veñan porque teñen unha oportunidade única”. Cando a mostra remate o día 6 de maio, está seguro o presidente da Deputación que “botaremos de menos esta exposición porque forma parte xa da esencia cultural de Ourense e o éxito de crítica e de público significa que desperta un interese inusitado non só en Galicia senón fora de Galicia e creo que foi unha gran aposta cultural e hai que seguir por este camiño”.
In Tempore Sueborum sitúa a Ourense na rede de cidades de grandes exposicións, e isto sábeo ben o presidente da Deputación cando se refire ao “posicionamento de Ourense, de facer cousas con entidade, con categoría, nunca feitas antes, somos capaces e organizativamente o demostramos en cada evento que poñemos en marcha, e agora imos a polos 30.000 visitantes”.
Subliña Manuel Baltar que In Tempore Sueborum deixará o listón cultural ben alto, non só en Ourense mais en toda Galicia: “Acaba de clausurarse a exposición do pergamiño Vindel en Vigo pero, con todos os respectos a esa exposición, aquí estamos a falar dun tempo e dun territorio, do nacemento de Europa, dunha cuestión na que hai 1.600 anos tiñamos un protagonismo que agora encargámonos de lembrar. O listón queda alto pero aos de Ourense góstannos os listóns altos. Isto ten que animarmos para seguir nesta liña porque vese que a xente acolle con moito interese e gratitude eventos como iste”.
A presente mostra internacional sobre o tempo dos suevos recibiu a visita tamén de autoridades académicas, económicas, sociais, políticas e diplomáticas tanto de España como doutros países –Marrocos, Polonia, Portugal, China, Francia, Reino Unido, Alemaña– “non só na exposición senón no ciclo de conferencias paralelo que se está desenvolvendo. Non ten parangón con ningún outro que se fixera por estas latitudes. En definitiva, hai que seguir nesta liña. Que a xente veña, que repita porque hai tesouros que nunca máis imos ver tan perto de nós. A Deputación é a súa casa, é a casa de todos e nesa liña imos seguir”.
In Tempore Sueborum recibiu por tanto unha cantidade de visitantes que equivale a un cuarto da poboación da cidade Ourense. O ritmo de crecemento é importante como amosan os datos, pois en menos de tres semanas a exposición subiu dos 18.000 aos 25.000 visitantes, cifra esta última que, unh
as poucas horas do acto desta mañá, xa foi sobrepasada con creces, debido aos cidadáns que acoden, ben pola súa conta como en grupos, durante o horario de apertura das tres salas nas que se ubica esta exposición, un gran proxecto científico-cultural que consta, ademáis, de ciclo de conferencias, catálogo, volumen de estudos e documental, aparte de ser a primeira de Galicia en ter banda sonora propia, sitio web e redes sociais cun departamento de Comunicación e Visitas Guiadas.