A publicación, con máis dun millón de lectores, leva por todo o mundo en abril a mostra sobre o tempo dos suevos
OURENSE, 4 de abril de 2018.- A revista Ronda, do Grupo Iberia, faise eco este mes de abril da exposición In Tempore Sueborum, organizada e patrocinada pola Deputación de Ourense. Desde o pasado día 1 calquera viaxeiro que se suba a un avión da compañía terá oportunidade de ver na revista corporativa información deste evento único en Europa. A revista Ronda ten unha audiencia de máis dun millón de lectores. Cada día son moitos os viaxeiros que utilizan os servizos de Iberia en todo o planeta, o que lle dá unha repercusión importante á mostra sobre o tempo dos suevos. E isto sucederá durante os 30 días do presente mes.
A exposición con sé na cidade de Ourense figura na sección Admira/Admire da revista de Iberia. “Más allá del circuito artístico habitual y de los grandes museos, hay lugares que este mes ofrecen exposiciones muy interesantes”, lese nesa páxina, e así aparece In Tempore Sueborum no centro da mesma, ilustrada co pasarrendas de carro con aplique de cabalo, que se conserva no Museo de Zamora, xunto a un espectáculo que se celebra este mes en Roma titulado Giudizio Universale, no Auditorio Conciliazione. O segundo evento co que se codea In Tempore Sueborum nesta revista é a exposición The Florence Experiment, no Palazzo Strozzi. E o terceiro, nesta mesma páxina, é a mostra de Esculturas de Joao Limpinho, na Casa da Cultura de Setúbal. Trátase da páxina 16 de Ronda.
Nesta mesma sección Disfruta, ao lector ofréceselle un abano de posibilidades ao seu alcance en varios países desde o Xapón ata a Riviera Maya e invítaselle a acudir a Ourense á exposición In Tempore Sueborum. A proxección da mostra feita en Ourense vai ser importante a bordo desta revista aérea, dada a cantidade de cidadáns que teñen acceso a ela, xa sexa en papel ou na rede. Non deixa de ser unha plataforma de suma importancia porque a revista viaxa por todo o mundo.
Esta campaña é outra mostra da proxección da exposición sobre o tempo dos suevos máis aló de Galicia e aínda da Península, a través neste caso de Iberia, como xa o fixo antes na revista Up-Magazine da compañía aérea portuguesa TAP. Estar presente nas revistas das compañías aéreas é un gran escaparate para este evento cultural coñecido en toda España, que pon a Ourense no circuíto das grandes exposicións a nivel internacional.