Ourense e Portugal irmándanse a través da historia común do mundo suevo

No acto oficial celebrado en Braga foi presentada a segunda edición do catálogo

OURENSE, 16 de abril de 2018.- A exposición In Tempore Sueborum une a Ourense con Portugal a través de Braga, cidade na que esta tarde foi presentado o proxecto científico cultural aos medios de comunicación do país veciño, para promocionalo entre os cidadáns lusos. De igual xeito presentouse a segunda edición do catálogo da

No acto, celebrado no Museu Arqueológico D. Diogo de Sousa da capital bracarense, estaban o presidente da Cámara Municipal de Braga, Ricardo Rio; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, a directora do Museu D. Diogo de Sousa, Isabel Silva e o comisario de In Tempore Sueborum, Jorge López Quiroga. Na sala estaban varios representantes da prensa portuguesa.

“A historia do mundo suevo une a Ourense e Portugal no territorio común onde compartiron cultura e etnografía”. Así o expresou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, nesta primeira presentación internacional da exposición. “Únennos séculos dunha historia ata o a de agora descoñecida en moitos casos, a do pobo suevo, que tanta importancia tivo para a Gallaecia, ata o punto de constituír no noso territorio o primeiro reino medieval de Occidente”, afirmou o presidente da Deputación, destacando que esta, “no seu empeño por seguir abrindo novas páxinas descoñecidas da nosa historia e a nosa cultural, puxo en marcha este singular proxecto que une a dez países de Europa e 39 museos, do que cabe subliñar a participación de Portugal; unha iniciativa cultural na que poñemos a disposición do público unha mostra de 262 pezas, sendo a primeira vez na historia que poden contemplarse xuntas”.

“É o noso compromiso coa historia, a nosa homenaxe a un pobo, o suevo, que contribuíu a facer Ourense, Galicia e Portugal, e que merece estar presentes polas importantes achegas que nos deixou nos ámbitos etnográfico, social e cultural”, destacou Baltar, quen agradeceu o apoio do Goberno portugués e do goberno municipal de Braga, así como o de todas as autoridades portuguesas “que están a colaborar para que In tempore sueborum siga medrando en visitantes, en promover estudos científicos e, en definitiva, para que esta exposición sexa recordada como o que é: a mostra máis importante de Europa sobre o mundo suevo”, trasladando tamén os seus parabéns “ao equipo que fixo posible esta proeza cultural, á fronte do cal está o profesor Jorge López Quiroga, comisario da exposición”.

Pola súa banda, Ricardo Río agradeceu a presenza do presidente da Deputación de Ourense en Braga, “neste importante acontecemento que permite divulgar entre os bracarenses e no resto de Portugal un período moi destacado da nosa historia conxunta entre Ourense e o norte de Portugal”, e salientou que a partires desde proxecto “continuaremos a intensificar as relacións entre Braga e Ourense para seguir afondando nas raíces do que nos une”.

 

O acto de presentación celebrou se no Museu Arqueologico D. Diogo de Sousa. FOTOS: Alberte Paz.

O comisario Jorge López Quiroga, salientou a emoción que lle causaba presentar a exposición na “capital por excelencia do primeiro reino medieval de Europa. Aquí o rei Requiario acuñou a primeira moeda co seu nome”. Dixo que un terzo da exposición está composto por pezas cedidas polos museos portugueses e explicou o contido das tres sedes de In Tempore Sueborum: Centro Cultural Marcos Valcárcel, Igrexa de Santa María Nai e Museo Municipal de Ourense. E subliñou: “Galicia non só é Santiago de Compostela. Ourense está en Galicia e sen Portugal esta exposición non tería sentido”. O marco da presentación contaba cun conxunto de miliarios romanos, estelas, tumbas, capiteis… a riqueza fascinante que atesoura esta histórica cidade de Braga no seu importante museo arqueolóxico.

Nova edición do catálogo  

A segunda edición do catálogo da exposición In Tempore Sueborum xa está á venda unha vez que hoxe foi presentada nun acto de promoción oficial da exposición en Portugal. Os responsables da exposición quixeron así achegala á que fora capital do reino suevo, e desde esta, espallar o coñecemento da mostra a todo o país veciño.

O catálogo esgotárase hai semanas dado o interese que despertou e agora volve estar a dispor do público nesta nova edición. Feitas algunas melloras segue a supor un fito na historiografía acerca do chamado mundo bárbaro, no que se encadran os suevos. Trátase dun traballo coral preparado por máis de 60 especialistas na materia, e que se fará imprescindible dende agora. Componse de tres bloques que se corresponden cos tres espazos expositivos: Centro Cultural Marcos Valcárcel, igrexa de Santa María Nai e Museo Municipal. É un fondo traballo de investigación fundamental para a historiografía.

O catálogo da está na súa segunda edición.

A versión en papel do catálogo ten un prezo de 20 euros. Trátase dunha publicación en formato 24 x 23 cm. con 552 páxinas. O seu deseño e maquetación foron moi coidados, coas imaxes silueteadas e distribuidas dunha maneira moi estética. O texto preséntase en tres idiomas: galego, castelán e inglés. A cuberta, a toda cor, representa o deseño que foi escollido como a imaxe corporativa da exposición.
Esta obra axudará ao lector e ao visitante a comprender mellor a realidade dos bárbaros, a súa composición e relacións cos romanos. Explica amplamente sobre este particular a creación bárbara, froito de Roma, unha historia contada para a élite imperial. Nas súas páxinas será posible consultar os datos científicos de todas as pezas. Aporta abundante bibliografía que actualiza este campo da investigación da Antigüedade Tardía e se convertirá nun instrumento de referencia tanto para investigadores como para o público en xeral interesado nesta época da historia. Tanto a exposición como este documento bibliográfico supoñen un fito na historiografía europea acerca do mundo bárbaro, no que se encadran os suevos.

Detrás desta publicación hai moitos especialistas que intentaron achegar a cuestión sueva ao gran público, tendo en conta que se trata dun tema complexo.

Neste acto bracarense achegouse aos portugueses a realidade de In Tempore Sueborum para que sigan visitándoa ata o 6 de maio. O Museu Arqueolóxico D. Diogo de Sousa é un dos desta cidade que prestaron pezas á mostra, O interese en Portugal desta exposición única en Europa comezou en decembro do pasado ano 2017 coa visita da secretaria de Estado de Turismo de Portugal e seguiu con cidadáns do país veciño, que viñeron pola súa conta, aos que se engade un grupo de sacerdotes e diáconos da diócese de Viana do Castelo, cen alumnos da Universidade do Porto e outros 111 da Universidade do Minho con sede en Braga. Tamén foi In Tempore Sueborum obxecto de interese noutro dos centros que prestan pezas como o Núcleo Museográfico Solar de Resende, no que se celebrou unha conferencia sobre a presenza do reino suevo no actual Portugal, aproveitando imaxes e datos presentes na exposición con sede en Ourense. de igual modo  a revista UpMagazine da compañía aérea lusa, TAP fíxose eco da exposición durante o mes de febreiro. E o Clube de Baloncesto Femenino do Pabellón de Ourense levara semanas atrás decenas de folletos da exposición para entregar aos participantes dun torneo internacional desta especialidade celebrado en Valença do Minho.

Toda vez que xa está circulando a segunda edición do catálogo, a próxima publicación prevista será o volumen de 60 estudios científicos da autoría de investigadores españois e doutros países europeos.

In Tempore Sueborum está formada por 262 pezas procedentes de 39 museos de dez países europeos. Entre esos bens hai dous procedentes de Portugal que nunca se viran no país veciño, polo que son primicia na mostra que se desenvolve en Ourense.

VOLVER